Thursday 16 de May de 2024

Sesión tranquila para tratar a organización do Concello de San Sadurniño de cara aos próximos catro anos


Abondaron pouco máis de 20 minutos para que o pleno do Concello de San Sadurniño tratase todos os asuntos relativos á organización do consistorio para os próximos catro anos. Periodicidade das sesións, composición e competencias da Xunta de Goberno Local, distribución das áreas de goberno e outras cuestións estruturais da institución foron abordadas sen practicamente debate por parte dos tres grupos municipais xa constituídos: o GM do BNG, o GM do PP e o Grupo Mixto, integrado polo único representante do PSdeG-PSOE.

A sesión dividiuse en dúas partes, unha primeira para votación de temas de competencia exclusiva do pleno e unha segunda para dación de contas sobre resolucións adoptadas pola alcaldía. O primeito que se valorou e aprobou por unanimidade foi a acta anterior para, deseguido, abordar a periodicidade das reunións da corporación, que quedaron fixadas nos últimos xoves dos meses impares ás 19:30h.

Foi o terceiro punto o que ocupou máis tempo, centrado na delegación de competencias da Xunta de Goberno Local, a raíz de varias preguntas expostas polo PP, quen inquiriu ao alcalde sobre a obriga legal de efectuar esas delegacións e recordando que, segundo asegurou a portavoz popular, no mandato anterior non se completou a súa tramitación coa publicación das mesmas no BOP. Neste sentido, o Partido Popular puxo en dúbida a validez dos acordos adoptados polo órgano de goberno nos últimos catro anos. Secundino García aclarou que os concellos con poboación inferior a 5.000 habitantes non teñen obriga de posuír XGL e que o acordo de creala e de delegar nela competencias se fai “a instancias da Secretaría municipal” para “axilizar” a acción de goberno.

García Casal engadiu sobre as afirmacións do PP que se en 2019 non se publicou o decreto correspondente no boletín oficial foi “posiblemente” por un “erro involuntario de quen debía facer ese traballo”, en referencia ao persoal do departamento encargado de “informar previamente sempre que se toman decisións deste tipo”.

Como novidade, a Xunta de Goberno Local incorpora a competencia da subscrición de operacións de crédito e mantén as do anterior período, como por exemplo as relativas a proxectos de obras, aprobación de facturas e outras.O asunto saíu adiante cos votos favorables do BNG e o edil do Grupo Mixto, mentres que o Partido Popular optou pola abstención.

O órgano reunirase, como ata agora, os días 1, 11 e 21 de cada mes e quedará conformado por Manolo Beceiro -presidente ademais da Mesa Permanente de Contratación-, por Manolo Varela e pola nova concelleira nacionalista Raquel Piñeiro. A asignación por asistencia ás sesións segue manténdose en 200 euros.

As adicacións parciais tamén seguen como no período 2019-2023, unha para o alcalde -1.500€- e outra para a nova concelleira responsable da área de Cultura, Normalización lingüística, Igualdade e Coordinación das programacións municipais, Araceli Bellas, que percibirá 1.200 euros brutos mensuais. Actualízanse, iso si, as asignacións para os grupos políticos municipais -50 euros mensuais máis 10€ por cada concelleira ou concelleiro- “para aplicar os incrementos que corresponden e que non se fixeron desde hai anos”, explicou Secundino García. BNG e Grupo Mixto votaron de novo a favor. O PP abstívose.

Na sesión tamén se acordou, desta vez por unanimidade, crear unha única Comisión Informativa Permanente que levará tanto os asuntos plenarios como os de contas. Por outra banda, a Mesa de Contratación -que estará presidida por Manolo Beceiro- tamén estará integrada polas funcionarias Mónica Cibreiro, Eiravedra Filgueira e Natalia Alves, ademais de pola Secretaria municipal Olalla Álvarez de Neyra.5ºcréase unha única comisión informativa permanente que levará os asuntos do pleno e de contas. A mesa de contratación secundino indica que por cada político ten que haber tres funcionarios de carreira.A decisión é ter a presidencia -manolo beceiro- e como integrantes as funcionarias mónica cibreiro, a secretaria Olalla Álvarez, Eiravedra Filgueira e Natalia Alves.

Houbo tamén unanimidade na elección da representación municipal en órganos colexiados: Mari Carme Muíño será representante no Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade e Raquel Piñeiro participará en nome do Concello no Consello Escolar do CPI. Como último aspecto organizativo, o pleno tamén acordou modificar o regulamento orgánico municipal para corrixir a periodicidade das sesións plenarias que figuraba no seu articulado.

O derradeiro tema da parte resolutiva do pleno foi unha modificación de crédito para habilitar no orzamento municipal a partida económica necesaria para cofinanciar as obras incluídas na achega extraordinaria do Fondo de Cooperación Local da Xunta de Galicia. San Sadurniño vai destinar cerca de 200.000 euros á mellora da envolvente e da eficiencia enerxética do edificio que acolle a EIM A Rolada e o Centro Municipal de Empresas, ademais de acometer melloras na ETAP e na rede de abastecemento. A Xunta concedeu unha axuda de 140.000 euros e o Concello deberá asumir con recursos propios os 60.000 restantes. No pleno déuselle o visto e prace unánime para que se incorporase ao orzamento esa cantidade acudindo aos remanentes municipais.

Control e dación de conta
A partir do punto 9º da orde do día xa se entrou na parte para control e dación de conta ao pleno das resolucións e decretos adoptados pola alcaldía e que, polo tanto, non se votan.

Así informouse da constitución dos grupos municipais, que agora terán que nomear as persoas titulares e suplentes na comisión permanente. Tamén se deu conta das tenencias da alcaldía, que estarán ocupadas por Raquel Piñeiro, Manolo Varela e Manolo Beceiro.

Antes de levantar a sesión informouse, ademais, da configuración do goberno local: Mari Carme Muíño encargarase da área de Benestar; Manolo Varela seguirá con Desenvolvemento local e Xestión interna; Araceli Bellas encargarase dos departamentos de Cultura, Normalización lingüística, Igualdade e Coordinación das programacións municipais; Manolo Beceiro xestionará Obras e Servizos; Raquel Piñeiro será titular dun novo departamento denominado Participación Veciñal e Axenda 2030; e, por último, Manel Martínez -que se estrea no executivo xunto con Piñeiro- asumirá a área de Deportes.